Cronica Infantil Feminino 02: Cazar un león

?Going on a lion hunt,

Gonna catch a big one.

I'm not scared.

Look, what's up ahead??

(canción infantil)

Din que o que canta o seu mal espanta. Así saímos para Cee, con máis público que xogadoras nun autobús que nada tiña que envexar a un carromato de feira, e non polo continente senón pola festa que levaba dentro. Chegamos co recordo afastado do que foran senllas malleiras recibidas na primeira fase da liga, cando eramos tenras florecillas do campo e asustabámonos baixo os focos. A pesar das numerosas baixas, eramos outras e queriamos medirnos a ver canto creceramos.

Autobús foi o que nos atopamos na zona, cun rival mermado polas ausencias e encerrado na pintura toda a segunda parte, aínda que cun loable malgaste físico durante toda a primeira, na que a pesar de dispor 6 xogadoras non deixaron de correr.

Empezamos o partido entre a sorpresa de ver o que doe caerse na baldosa do Municipal, e a alegría contida de comprobar que melloraramos o suficiente como para ir por diante no marcador durante toda a primeira parte. Se o primeiro cuarto foi a miraxe anotadora ao que nos estamos habituando ultimamente (3-7), o segundo xa tivo a intensidade esperada (14-11), cun estraño 17-18 ao descanso, bastante inexplicable se atendemos ao que se consentiu no xogo, cos dous equipos moi desconcertados e alterados polos golpes e por decisións tan insólitas.

Na segunda parte saímos dispostas a loitar contra os elementos e mantivémonos no partido, pero as sensacións eran terribles e custaba moito manter a concentración, especialmente cando apareceu a fatiga e algunha 5ª falta máis que previsible. Un inesperado acerto desde a liña de 6,75 mantívonos vivas a pesar da treboada (16-17). No último cuarto nos desfondamos. Excesivo o parcial (18-5) para o que fora o partido, coas nenas dando exemplo de educación deportiva, aguantando todo sen unha queixa nin un mal xesto, e tirando do carro cando a cousa púxose fea. Actitude de 10! E de máis de 11 teremos que gañar á volta se queremos seguir na copa. Pero xa sabes, se o que queres é cazar un león, non reparas nos rasguños.

Costa da Morte: 51 (3+14+16+18): Lesta, M. Mouzo l., Moskowich, Mencía , Ayala, Manuela, Piñeiro, Uxía e Lema, A.

Basquet Coruña Leyma 02: 40 (7+11+17+5): Adela Villar, Sara Lara, Iria Candal, Sara Añón, Esther Veiga, Sara Fernández, Martina Gutiérrez (alevín), Branca Fernández (alevín) e Noelia Martínez (alevín). Animou ao equipo Mayte Villca (lesionada).

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.