Crónica Basquet Coruña Leyma J: Fin do conto

Sábado 19 ás 20:00h, era o día da final tan esperada. Foi unha semana dura polos exames finais e gradacións, xa que nos podían distraer do partido que nos esperaba ese fin de semana, a pesar diso as mozas trataron de compaxinar da mellor maneira posible os adestramentos e o horario do partido, para poder gozar do premio a unha gran tempada, unha final.

Eran as 19:00 e algunhas xa empezaban a chegar pola porta de Riazor 2, outras mesmo xa estaban desde unha hora antes mentalizándose para o partido. Hora de baixar ao vestiario, momento no que lles esperaba a primeira sorpresa do día.. O nome e número de cada unha pintado na parede cunha camiseta debaixo, unha camiseta que sen dúbida será un recordo moi bonito para cada unha de nós cada vez que a miremos, porque lembraremos todos os momentos vividos durante este ano.

Primeiro cuarto, chegaba o momento de demostrar todo o noso traballo ao longo da tempada. Con todo saímos moi nerviosas, sen ter claridade no ataque ante a súa zona 3-2, non eramos agresivas para dividir o seu defensa e conseguir mellores opcións de tiro, limitándonos a efectuar tiros exteriores, a isto engadímoslle que permitimos varios contraataques fáciles e non dominamos o rebote. O primeiro cuarto finalizou cun 8-23 no electrónico.

Empezamos con mal pé e tocaba afrontar o segundo cuarto, tratando de tentar remontar esa diferenza e meternos no partido. Este máis igualado, no que demos un paso adiante en defensa e en rebote, con todo en ataque seguiamos sen sorte cara o aro a pesar de que dominabamos claramente o rebote de ataque, o que nos daba segundas opcións para anotar, pero de novo sen fortuna, non nos entraba nada, parcial de 6-8 e íanse cun +17 ao descanso.

Descanso, moita xente seguro que xa non cría en nós e daba por perdido o partido, pero esquecéronse de que este equipo non se rende nunca. Saímos do vestiario aínda con máis ganas e crendo na remontada, sabiamos que era difícil pero non imposible.

Terceiro cuarto, ese cuarto, que como xa sabemos todos, non admite momentos malos nin de desconcentración. Saímos con ilusión e esperanza, conseguindo máis opcións en ataque grazas a seguir dominando o rebote ofensivo e realizando unha zona-press, que lle ocasionou varios problemas nalgunhas situacións ao rival. Levámonos o parcial por 10-8 e a pesar da diferenza no marcador seguiamos crendo nesa remontada.

Último cuarto! 24-39 un cuarto enteiro para remontar e levarnos esa copa. Os nervios notábanse cada vez máis, neste cuarto a diferenza doutros tivemos máis acerto á hora de tirar a canastra, e seguiamos dominando o rebote en ambos os aros. Riazor non deixaba de animar e apertaba cada vez máis, dous triplos seguidos ao noso favor facíanos saltar de ilusión porque aos poucos nos iamos achegando no marcador, rompiamos a barreira psicolóxica dos 10 puntos de diferenza, pero uns minutos malos en defensa que o rival soubo aproveitar moi ben foi o que culminou finalmente o encontro.

Non puido ser, loitamos ata o final pero os nervios e o cansazo previo pasounos factura, non foi o noso mellor partido e Artai realizou un fantástico encontro.

Ao final case todas entre bágoas porque nos daba rabia acabar así o noso último partido xuntas, fomos recoller a medalla e todos os familiares, amigos e compañeiros doutros equipos do noso club seguían animando ao noso equipo, moitas grazas a todos por animarnos todos o ano, tamén sodes parte do éxito deste grupo de mozas. Todo era unha auténtica festa do baloncesto que deixa en segundo lugar a gañar ou perder.

Temos que estar orgullosas de toda a tempada que fixemos e todo o que traballamos ao longo dela, hai dous meses ninguén se crería que iamos chegar ata aquí, SUBCAMPIOAS DE COPA e moi merecido.

Darvos as grazas a cada unha de vós polo día a día de todo o ano, o gran ambiente que vivimos xuntas, o esforzo que mostrastes en todo momento e por ser como sodes, sen dúbida, un grupo fantástico.

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.