Contundente derrota do Leyma Coruña ante un Café Candeas Breogán moi superior

Contundente derrota do Leyma Coruña esta noite en Lugo (104-73) ante un Café Candeas Breogán que foi superior en todos os aspectos do xogo e que con esta vitoria reforza as súas aspiracións a finalizar a liga regular no primeiro posto da táboa, aínda que para iso dependa dun tropezón do Retabet.es GBC.

Aínda que a ambos os equipos custoulles estrearse no marcador, no terceiro minuto comezaron a chegar os primeiros puntos dun conxunto local que ía afinando o seu xogo mentres que aos laranxas custáballes atopar o ritmo e o acerto.

Un prolegómeno do que sería o resto do partido, cun Café Candeas Breogán que sempre ía por diante, acrecentando a súa confianza e redobrando con ela a efectividade do tiro. Mediado o segundo cuarto os locais chegaron a escaparse a 24 puntos de distancia, aínda que os de Tito Díaz non querían irse do partido e lograron limar a diferenza para chegar ao descanso a 48-30. Pero o certo é que non era a noite do Leyma Coruña, nin en solidez defensiva, nin en rebote, nin en solucións ofensivas. E aínda que a volta de vestiarios os coruñeses tentaron imprimir máis agresividade e intensidade no xogo, só lograron achegarse a 14 puntos dun rival no que brillaron especialmente o pivote Iván Cruz e o beirado recentemente incorporado Thomas Bropleh.

Na rolda de prensa posterior, o adestrador Tito Díaz felicitou ao conxunto lucense e á súa afección pola súa merecidísima vitoria. "Desde o minuto uno ao corenta superáronnos en todas as facetas do xogo, en intensidade, actividade, desexo, acerto, ritmo, e nós non estivemos no partido", sinalou. O técnico laranxa tamén felicitou aos seus xogadores pola súa traxectoria na actual competición: "somos un club e un equipo modesto e estamos a pelexar coma se fósemos grandes", asegurou, engadindo que hoxe os trataron como tales "porque case o somos, e o mal partido de hoxe vén porque nos gañamos o respecto da liga".

Tras asegurar que dos 29 partidos disputados "hoxe é o primeiro que non competimos", subliñou que os seus pelexaron e non baixaron a cabeza a pesar da avalancha breoganista. "Hoxe é un día triste para nós pero á vez é un día feliz para min como adestrador porque me dei conta do ben que o estamos facendo en toda a liga", indicou. Así mesmo, desexou ao Café Candeas Breogán o seu pronto e merecido ascenso a ACB, e tivo palabras especiais para o máis dun centenar de afeccionados laranxas que acompañaron ao equipo ata Lugo e para todos os coruñeses que acoden aos partidos de Riazor, porque "é importantísimo todo o que nos están dando".

Finalizou reiterando a mensaxe que acababa de trasladar aos seus xogadores: "isto é un accidente pero afortunadamente non hai vítimas, agora imos descansar e a volver adestrar".

Porque a liga segue e o vindeiro domingo 2 de abril ás 12:30 o Leyma Coruña mídese en Riazor ante outro óso duro de roer, a Unión Financeira Baloncesto Oviedo. Con seis xornadas de fase regular por diante queda moito por dicir. E por crer. #sentimentolaranxa

Audio&auto_play=false&color=915f33&theme_color=00FF00&show_artwork=true"> Tito Díaz