Comunicado oficial do Básquet Coruña

Con motivo do comunicado oficial realizado pola Asociación de Clubs de Baloncesto (en diante ACB) na tarde do día de onte, no cal se recolle o acordo adoptado por todos os clubs da devandita asociación en materia deportiva de configuración da competición para as próximas tempadas, desde o Club Leyma Basquet Coruña queremos realizar as seguintes manifestacións:

1.- Temos plena confianza na Federación Española de Baloncesto (en diante FEB) e no Consello Superior de Deportes (en diante CSD), en que procederán a defender os dereitos dos clubs LEB e en manter o espírito deportivo destas competicións.

2.- Non entramos a valorar a idoneidade dunha liga ACB de 16 ou 18 equipos. Se os clubs que a compoñen decidiron que 16 equipos é o idóneo, entendemos que será o mellor para a competición.

3.- Parécenos que a proposta de ACB para chegar a esa liga de 16 equipos é absolutamente inaceptable para os clubs que militan tanto en LEB OURO como en LEB Prata. Esperamos que tanto a FEB como o CSD defendan esta postura. Entendemos que os acordos da ACB non poden afectar as competicións da FEB (coa proposta da ACB de 18 equipos só 1 podería optar ao ascenso, e iría en contra do regulamento da competición, coas potenciais consecuencias económicas e legais para todos os equipos LEB).

4.- Como proposta aceptable, equitativa e alternativa entendemos que durante as tempadas 2017/2018 e 2018/2019 deberían de manterse dous ascensos e deberían de descender tres equipos ACB. A partir da tempada 2019/2020 volveríase á normalidade de dous ascensos e dous descensos.

5.- Para facer viable o punto 4 anterior durante as dúas primeiras tempadas, este esquema deberíase de replicar entre LEB Ouro e LEB Prata, de forma que se producisen dous ascensos e tres descensos nestas dúas ligas, de maneira que se manteña un número par de equipos en ambas as competicións.