Na tarde de onte domingo, por causas que aínda se descoñecen, produciuse un incendio na sede do noso club que produciu cuantiosos danos materiais.
Ademais, nese momento atopábase dentro do local un empregado que se viu afectado por inhalación de fumes, polo que tivo que ser atendido no CHUAC. Afortunadamente, atópase fóra de perigo e sen secuelas derivadas do accidente. Queremos trasladar ao noso compañeiro e aos seus familiares o noso apoio e a nosa alegría porque se recuperou.
Os danos materiais do incendio afectan a mobiliario, equipos informáticos e documentos, algúns de difícil reposición, e a trofeos, obxectos e outros elementos cargados de historia que serán imposibles de substituír.
O Leyma Básquet Coruña, o voso club, agradécevos todas as mensaxes e mostras de apoio que ao longo do día de hoxe estamos a recibir desde afeccionados, abonados, socios, clubs de toda España e Institucións oficiais.
Todos os que formamos parte do día a día do club traballaremos para que canto antes podamos dispor dun local. Desde o minuto uno estamos niso e comunicarémosvolo no momento que isto se faga realidade. Esperamos que nos perdoedes os problemas que seguro van xurdir e estamos seguros que isto será un paso adiante. A actividade deportiva non se deterá e manterá o seu funcionamento habitual.
Por encima dos danos materiais sufridos, a fortaleza de club está en todas as persoas que conforman a nosa masa social: os adestradores que se esforzan por formar e educar aos seus xogadores; os nenos que forman a base máis ampla do baloncesto español; os empregados do club que non regatean esforzo e dedicación no seu traballo; os xogadores sénior e os profesionais, que, co seu comportamento e tenacidade, dan exemplo aos máis pequenos; e ás decenas de pais e nais que cada día fan un oco no seu tempo para levar aos seus fillos aos adestramentos e aos partidos.
Por eles e con todos eles seguiremos adiante con ma?s forza e ilusión, se cabe. Ánimo e adiante.
Xunta Directiva Club Básquet Coruña.
COMUNICADO DO CLUB BASQUET CORUÑA
21 Out 2014