Comezan os adestramentos dos equipos junior e infantís

Co avance do mes de agosto continua o regreso graduado aos adestramentos por parte das diversas categorías do club, de face á tempada 2016-2017. Este luns 22 de agosto é a quenda dos equipos junior masculino, infantil feminino e infantil masculino.

Tal e como anunciamos recentemente, o experimentado adestrador Chiqui Barros únese ao sentimento laranxa para dirixir os destinos do conxunto junior masculino de Primeira División de Liga Galega, que comezará a xogarse o 16 de outubro.

Do 22 ao 31 de agosto, as sesións de preparación para os posibles candidatos a formar parte deste equipo terán lugar na polideportiva de Riazor co seguinte horario: luns de 21:00 a 22:30 horas, martes e mércores de 19:30 a 21:00 horas e venres de 18:00 a 19:30 horas.

Categoría infantil feminina

No caso da categoría infantil feminina, Edda Beltran, adestradora superior e doutora en educación física, responsabilizarase do conxunto de Primeira División de Liga Galega. Os horarios e lugares de preparación en agosto son: luns de 18:00 a 19:30 horas na polideportiva de Riazor 2, martes e mércores de 18:00 a 19:30 na polideportiva do Ventorrillo e o xoves de 19:00 a 20:30 nas instalacións da Sacra Familia.

Ademais, existe a posibilidade de formar un equipo preinfantil que participaría na nova competición creada pola Federación Galega de Baloncesto, unha liga autonómica para xogadoras infantís de primeiro ano. De non alcanzarse un número suficiente de mozas desta idade, exporíase a opción de formar dous equipos máis da categoría infantil, integrando a xogadoras de primeiro e segundo ano.

Categoría infantil masculina

En canto aos infantís masculinos, Alberto Vázquez asume as rendas do equipo de Primeira División de Liga Galega na que será a súa segunda tempada no club laranxa, despois de adestrar o pasado curso ao cadete masculino de Primeira División e a unha das formacións infantís de Liga Local.

Por último, Héctor Méndez, un dos adestradores que leva máis anos no club e facendo un gran traballo cos nosos mozos, será o técnico do equipo preinfantil que competirá na recentemente creada liga autonómica para xogadores infantís de primeiro ano.

Ambos os grupos comezarán a adestrar xuntos este luns 22 a fin de perfilar os dous equipos despois das primeiras semanas de adestramento. Tanto o de primeira división como o preinfantil iniciarán as súas respectivas competicións o 18 de setembro.

Os horarios de adestramento en agosto son: luns de 18:00 a 20:00 horas na polideportiva de Riazor 1, martes de 19:00 a 20:30 horas na Sacra Familia, xoves de 18:00 a 19:30 horas en Riazor 2 e venres de 18:00 a 20:00 horas no Ventorrillo.

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.