Coa punta dos dedos

O Leyma Coruña cae derrotado, pola mínima (78-75), ante Melilla Sport Capital en terras melillenses. A espectacular remontada protagonizada polo conxunto laranxa non foi suficiente para vencer aos xogadores de Alejandro Alcoba.

Comezaba o partido con intensidade e rapidez por parte dos locais, que gozaban de maior fortuna de face aos tiros a canastra e conseguían superar ao Leyma Coruña durante os dous primeiros cuartos, e marchando ao descanso cunha lixeira vantaxe no marcador (41-34).

Á volta dos vestiarios o conxunto laranxa seguía a súa loita por achegarse no marcador, loitando e pelexando cada balón, terminando o cuarto 62-53. A pesar de que en varios momentos conseguía porse á mínima vantaxe de Melilla, aínda faltaba o último empuxón que tivo lugar no último cuarto. O Leyma Coruña remataba a espectacular remontada alcanzando e mesmo superando ao seu rival no marcador. Con todo, a mala sorte nalgúns tiros condicionaba o resultado final (78-75).

Un mal sabor de boca despois de ser capaz de remontar un partido difícil e duro, moi traballado por todo o equipo, que se escapaba no último suspiro despois de tocar a vitoria coa punta dos dedos.

Agora toca pór a mente xa no seguinte encontro, o derbi ante COB en #OFornodeRiazor o vindeiro sábado 6 ás 19:00 horas.