Chiqui Barros, novo adestrador dos equipos filial e junior masculino

Os equipos filial e junior do Club Básquet Coruña contan esta tempada cun novo adestrador, o ferrolán Chiqui Barros, quen nos últimos anos desenvolveu a súa carreira profesional na liga Feminina, a máxima da categoría, ao mando do equipo berciano Embutidos Pajariel Bembibre.

No haber de Chiqui Barros destacan, entre outros aspectos, o ascenso das xogadoras do Alto Bierzo na tempada 2011/12 e a súa consolidación na primeira competición nacional, así como a súa experiencia no baloncesto profesional masculino ao mando de conxuntos como o ADT Tarragona, Círculo Badaxoz e CB Calpe. Ademais, esta non será a súa primeira incursión no baloncesto coruñés, posto que nas tempadas 1994-1996 dirixiu na nosa cidade os destinos do CAB Coruña de 1ª B -equivalente á actual LEB Ouro-, participando nunha fase de ascenso á ACB en Xixón.

En 2015 foi elixido mellor adestrador da liga Ecuatoriana, tras conseguir o título desta competición coa Universidade Tecnolóxica Equinoccial (UTE) de Quito.

A chegada de Chiqui é unha excelente noticia para o Club Básquet Coruña, especialmente para o noso equipo filial de Primeira División e para o conxunto junior de Liga Galega, xa que a achega do técnico ferrolán garante o desenvolvemento dunha boa dinámica de traballo dos nosos mozos deportistas no seu paso da categoría base de junior a senior.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.