Burjanadze e Stelzer visitan o Campus de Nadal do Club Leyma Básquet Coruña

Ben Stelzer e Beqa Burjanadze, xogadores do equipo LEB Ouro do Leyma Básquet Coruña, visitaron esta mañá o Campus de Nadal organizado polo club baloncestístico e promovido polo Concello da Coruña, que se está desenvolvendo desde onte luns ata o xoves 24 na primeira quenda da actividade.

O escolta estadounidense e a á pivote xeorxiano compartiron a súa paixón polo deporte da canastra cos nenos e nenas que estes días participan en sesións destinadas a mellorar os seus fundamentos técnicos e tácticos nesta disciplina, nunha contorna de compañeirismo e lecer salpicado de concursos e competicións 3 x 3. Ademais, os xogadores do primeiro equipo quixeron celebrar o Nadal e as últimas vitorias na competición LEB Ouro regalando aos mozos deportistas o gorro de Papá Noel laranxa, un bo símbolo do ambiente familiar e de compañeirismo que se vive en todas as categorías do Club.

Nesta primeira quenda do Campus de Nadal 2015, que conta tamén coa colaboración de Forno Sanbrandán, inscribíronse un total de 73 nenos e nenas organizados en seis grupos. Destes, cinco son de minibasket ?de 4 a 11 anos- e o sexto grupo é de canastra grande, para os deportistas de 12 a 15 anos. As instalacións destinadas a esta actividade son, no caso do minibasket, o Polideportivo da Normal, e no caso dos maiores, a Polideportiva de Riazor 2.

Os nenos e nenas interesados en participar na segunda quenda do Campus -cuxo horario é de 10:00 a 14:00 horas- teñen aínda ata este xoves día 25 para inscribirse. Neste caso, a actividade arrinca o luns 28 e finaliza o xoves 31.

Prezos e descontos

O prezo dunha quenda do Campus é de 50 euros e o de dúas quendas, 90. Os xogadores e xogadoras do Club e as súas Escolas benefícianse dun 10% de desconto. Existe a opción do servizo de madrugadores, cuxo prezo é de 15 euros por quenda e inclúe o almorzo, a condición de que haxa polo menos dez peticións.

A inscrición pode realizarse nas oficinas do Club -presencialmente ata o día 24 en horario de mañá, ou remitindo o formulario da web e o xustificante de ingreso-, a través desta ligazón.

Para máis información, contactar co Club polas canles habituais: teléfono 981 264 022 e correo club@basquetcoruna.com