O mozo escolta-beirado suízo Axel Louissaint incorpórase ás filas do Leyma Coruña para apontoar o seu xogo exterior. O internacional helvético, de 1,99 de altura e 2,22 de envergadura, e de 22 anos, conta cun gran potencial, a pesar da súa mocidade, e é un dos mozos de máis talento do seu país.
Con tan só 14 anos converteuse no xogador máis novo en debutar na 1º división do seu país, co Fribourg Olympic. E un ano despois, con 15, enrolouse nas filas do equipo francés do Chalón do PROL-A, onde xogou catro anos.
Tras o seu periplo en Francia, regresou ao seu país para defender as cores do Lugano Tigers, onde competiu as dúas seguintes tempadas. Nesta última campaña incorporouse aos Riviera Lakers, onde con tan só 21 anos converteuse o máximo anotador do seu equipo.
É un fixo no combinado nacional suízo desde as categorías inferiores á absoluta. Ademais, o pasado 25 de abril do 2017 foi incluído entre os 45 xogadores internacionais elegibles para o draft NBA. Así mesmo, foi un dos deportistas destacados na recente ACB Academy, un evento no que durante catro días unha vintena de xogadores de proxección levan a cabo un programa de actividades para mellorar as súas capacidades técnicas e tácticas e que contou nesta edición con técnicos de primeiro nivel como Pablo Laso, Txus Vidorreta ou o propio adestrador laranxa, Gustavo Aranzana.
Con esta incorporación, o Leyma Coruña suma xa catro caras novas, tras a chegada de Ty Sabin, Mirza Bulic e Carlos Martínez, así como as renovacións xa anunciadas de Pablo Ferreiro, Larry Abia e Zach Monaghan, ademais da continuidade do técnico Gustavo Aranzana. O conxunto laranxa segue sumando efectivos para configurar un proxecto ambicioso de face á próxima tempada, na que tentará seguir crecendo e dar un paso adiante.