Ashley Hamilton, novo á-pivot do Leyma Coruña

A Coruña 31 de Agosto de 2021. O Leyma Coruña reforza o seu xogo interior coa incorporación da á-pivot Ashley Hamilton (2.02m, 33 anos), xogador británico con pasaporte de Serra Leona que xa militou no club durante a tempada 2019/20 para cubrir a saída do equipo de Mirza Bulic. Tras a súa etapa no Leyma a tempada pasada regresou ao baloncesto británico enrolándose no equipo Plymouth Raiders, onde xogou 28 partidos e promedió 16.3 puntos e 6.8 rebotes en 31 minutos de xogo, cun 38%T3 (35 anotados de 92 intentos).

Formado na universidade de Loyola Marymount (NCAA 2008-2013), tras o seu periplo universitario, conta cunha longa traxectoria en Europa en países como Italia, Ucraína, Líbano, Grecia e ademais de España e UK. En España previamente a formar parte do Leyma, xogou no ICL Manresa durante a tempada 2017/18, equipo co que logrou o ascenso a ACB, e co que derrotou ao Leyma no 5º partido das semifinais daquel ano.

Ashley é un xogador que reúne os requisitos que precisaba o equipo para completar a posición de á-pivot, xa que ademais de ser un xogador con experiencia e coñecedor do baloncesto español, achega capacidade de rebote en ambos os lados da cancha e intensidade defensiva, e ao mesmo tempo é capaz de desbordar en situacións de 1x1 a xogadores do seu tamaño e abrir o campo co seu tiro de tres puntos.

Desde o Básquet Coruña S.A.D. alegrámonos do regreso de Ashley ao equipo tras unha primeira etapa na que deixou un bo recordo entre os afeccionados polo seu nivel de xogo e compromiso. Desexamos que nesta nova etapa na que poderá participar desde a pretemporada, axude de novo ao equipo a mostrarse moi competitivo e loitar polos postos máis altos da clasificación na Leb Ouro, que esta tempada volverá ser unha competición de moito nivel e moi disputada. Estamos seguros que a afección laranxa alegrarase moito por esta incorporación e gozará do seu xogo e grandes partidos no plano individual e colectivo en #OFornoDeRiazor.