Gustavo Aranzana recoñeceu na rolda de prensa previa ao choque deste venres ás 20.45 en #OFornodeRiazor ante o CB Prat que é vital para os laranxas regresar á senda do triunfo, tras as dúas últimas derrotas ante o Real Betis Enerxía Plus e o Iberojet Palma.
"O equipo ten que recuperar as mellores sensacións que tivo noutros partidos. Xogámonos unha xornada moi importante e necesitamos gañar, é vital. Hai que ir partido a partido e seguir traballando", admitiu durante a súa comparecencia.
"Vimos de facer un mal partido (ante o Iberojet Palma), sobre todo o segundo cuarto, onde nos rompen o encontro e non tivemos boas sensacións e o equipo está amolado", apuntou.
Así mesmo, pasou revista do estado da enfermaría. "Quinton xogará sen estar na dinámica dos adestramentos e Zach vaise recuperando do nocello, pero o que temos é que pór toda a nosa forza e enerxía. Sabemos que temos que mellorar, dobramos todos os días e adestrar a lume de biqueira para facer un bo partido ante o CB Prat", indicou.
Un rival do que non se fía, a pesar de ser pechacancelas cun balance de 3-17 e co que perderon os laranxas na primeira volta (76-66). "Non corresponde os resultados co xogo que deu nos partidos e hai que ter máximo respecto", advertiu.
Como claves para gañar resumiu en que hai "ter o control do xogo e o "cabalo de batalla", sólidos en defensa e dominando os taboleiros xogo".
Quixo ademais agradecer "o esforzo tremendo do club (na nova campaña para encher o Palacio dos Deportes de Riazor", algo que xa ocorreu ante o Araberri e que "os xogadores agradecen" xa que "competiron arroupados e houbo un sexto home". Ademais da gran entrada, haberá un gran mosaico laranxa, cortesía de Mahou, un dos patrocinadores do Leyma Coruña