Aranzana pide ao Leyma Coruña centrarse en si mesmo para levar a vitoria ante Chocolates Trapa Palencia

O Leyma Coruña ten este venres a partir das 20.45 horas un compromiso esixente ante Chocolates Trapa Palencia, que leva ao Palacio dos Deportes de Riazor como colíder xunto con Lleida. Gustavo Aranzana recoñeceu na previa que segue contando cos lesionados Zach Monaghan, Larry Abia e Carlos Martínez, mentres que tanto Quinton Stephens como Braxton Ogbueze, están a mellorar das súas respectivas doenzas.

"Estamos a adestrar con dez, pero o equipo está preparado", declarou o técnico, consciente de que o Leyma Coruña ten que cambiar o actual refacho. "Cando entras nestas dinámicas hai que ter tranquilidade e traballar, incidir no que facemos mal. Competimos con todo o mundo pero temos que gañar, isto é a liga profesional", declarou.

Ademais, comentou que un triunfo axudaría a referendar todo o que se fai nos adestramentos: "Necesitamos a vitoria para reforzar animicamente o que traballamos durante a semana". Aínda que admite que coas moitas lesións que padeceu o equipo a idea, o plan inicial, "rompeuse" cre que non deben "pararse niso e hai que seguir".

Quixo, ademais, agradecer o apoio da afección nos últimos duelos en casa, ante Palma Air Europa e Retabet Bilbao Basket, nos que "a xente estivo a un gran nivel pero non conseguimos a vitoria" e pediulles que mañá acudan á animar #OFornodeRiazor porque necesitarán máis que nunca o seu apoio sobre todo "nos momentos de dúbida".

Mais que pensar no seu rival, Aranzana apelou a pensar neles mesmos. "Vén de colíder e será difícil, ten un gran concepto de xogo, unha gran filosofía...pero estamos centrados en nós mesmos e que nada nos despiste do noso camiño".

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.