Aranzana apela a que o Leyma Coruña debute cunha vitoria ante o Carramimbre Valladolid para coller confianza

O Leyma Coruña comeza a súa andaina esta tempada 2018-19 na Leb Ouro e faino este venres ás 20.45 no Palacio dos Deportes de Riazor recibindo ao Carramimbre Valladolid.

O equipo adestrado por Gustavo Aranzana, moi renovado con respecto ao curso pasado, afrontará o encontro mermado polas baixas. "Quinton é seria dúbida, e Zach con problemas na fascia tamén. Ademais da lesión de Larry Abia", enumerou o preparador valisoletano.

Aínda así declarou que "o equipo está ben, estamos a desexar empezar e esperamos que haxa boa afluencia de público. A homenaxe a Anxo Hernández daranos un plus", comentou.

Así mesmo, enxalzou as cualidades do seu opoñente. "Carramimbre é un rival durísimo, con excelente ritmo, moi competitivo, é unha proba de lume e hai que romper o xeo", pediu Aranzana.

Para el, é fundamental empezar cun triunfo. "Xogas en casa, estás fortalecido (por iso) e é importante empezar gañando para ter máis confianza e seguridade".

Pola súa banda o xogador coruñés Carlos Martínez, unha das novas caras do Leyma Coruña, recoñeceu que aínda non está ao cento por cento. "Fisicamente levo dúas semanas traballando co equipo, non estou no meu mellor momento de forma, pero si o mellor que podería ter neste momento", aclarou. Aínda así, está " con moita ilusión por empezar" e máis en "casa".

Puxo en valor o equipo que se formou, con moita mocidade e ganas. "Todos os meus compañeiros gústanme e o equipo tamén. Somos moi novos, con moitos xogadores que non coñecen a liga", comentou.

No descanso do encontro haberá unha homenaxe a Anxo Hernández. Ademais, de face a este choque todos os abonados e socios que ensinen o seu carné nos despachos de billetes recibirán unha invitación.

Programa 17 partidos, 17 causas da Obra Social a Caixa

Con este primeiro partido comezará unha campaña máis o noso programa '17 partidos 17 causas' en colaboración coa Obra Social A Caixa. Un programa no que cada partido como local do Leyma Coruña aproveita para homenaxear o labor social dunha ONG, Asociación ou entidade social da cidade.

Esta primeira homenaxe será para Proxecto Enki da Fundacióm Abrente, unha ONG que organiza a quinta carreira ENKI, o próximo 20 de outubro. Unha competición lúdico-deportiva que dá visibilidade ás persoas con diversidade funcional, desde unha perspectiva inclusiva, e que contará con 7.500 inscritos habendo agoitado xa as inscricións, o que dá mostras do seu gran acollida. Os participantes terán que pasar diferentes probas nas que haberá que mancharse como a fariña, auga ou obstáculos a salvar con cordas e pneumáticos, emulando barreiras que moitas veces se atopan as persoas con diversidade funcional no seu día a día.

Nesta carreira colabora o Básquet Coruña, o Concello da Coruña, a Obra Social a Caixa e a Fundación María José Jove.

Este venres espéranos unha festa do baloncesto, na que esperamos que o Leyma Coruña poida iniciar de forma triunfal unha nova tempada na Leb Ouro.