Ao terceiro encontro, con todo!

Non puido o Leyma Coruña levar a vitoria no segundo encontro de semifinais de play-off en #OFornodeRiazor. O impulso da afección e a garra do equipo non foron suficientes para vencer.

Comezaba o encontro cun alto nivel por parte dos visitantes, que viñan con ganas despois da gran vitoria cultivada polo Leyma Coruña en terras andaluzas. O primeiro cuarto o conxunto coruñés saíu falto de concentración, e aínda que non parou de remar, terminaba o cuarto 13-26.

A partir dese momento, os xogadores de Sergio García cambiaron o chip e aumentaron a intensidade. Aos poucos foron impondo a súa identidade no campo, e reducindo a diferenza. Así finalizaron o segundo cuarto 36-44.

Á volta dos vestiarios o partido cambiou de terzo. O Leyma Coruña tiraba de defensa e de carácter para achegarse cada vez máis ao marcador, ademais de apertar ao seu rival. Este cuarto finalizaba 57-63, e con todo por decidir no último.

A igualdade era evidente e o marcador íase apertando máis e a garra laranxa xunto co pulo da afección facíanse evidentes. O equipo local non deixou de remar en ningún momento, pero non foi suficiente. O encontro terminaba finalmente cun axustado 82-85, insuficiente para o pase á final, o que obriga a desprazarse de novo a Granada este mércores día 9. Pero tal e como dixeron tanto o adestrador Sergio García, como o capitán Javi Veiga, a ese terceiro partido hai que ir con todo!.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.