Afaco será o primeiro protagonista do programa

Este venres o Leyma Básquet Coruña debuta como local na nova tempada da liga LEB Ouro. Será tamén o momento de pór en marcha o programa en colaboración coa Obra Social "a Caixa", que un ano máis renovou o seu compromiso co club e por conseguinte polas entidades sociais que traballan na cidade. Nesta primeira ocasión, o club quere visibilizar o traballo da Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias afíns da Coruña (AFACO), que traballa desde hai máis de 20 anos polo benestar das persoas con demencia e o das súas familias.

Nestas dúas décadas, preto dun milleiro de persoas da Coruña e a súa área metropolitana recibiron tratamento non farmacolóxico, terapia na que a asociación é pioneira en Galicia. AFACO tamén dispón de programas asistenciais dirixidos a familias dos pacientes con demencia.

Entre os programas destinados aos usuarios destacan os proxectos de estimulación en colaboración co Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo de Arte Contemporánea e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Tamén se imparten talleres de cociña para potenciar a autonomía persoal e realízanse saídas culturais e urbanas, entre outras actividades.

AFACO conta cun nutrido grupo de profesionais especialistas en diversas disciplinas e con ampla experiencia no campo das demencias. A entidade desenvolve o seu labor nun centro de día situado no Barrio das Flores e en dous centros terapéuticos situados no centro cívico de San Diego e na Avenida de Salvador de Madariaga, 87.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.