AFACO será a entidade homenaxeada este domingo

O Club Básquet Coruña S.A.D. homenaxeará, un ano máis, a AFACO, na causa social ?17 partidos, 17 causas? en colaboración coa Obra Social da Caixa. A homenaxe terá lugar o vindeiro domingo día 18 de abril, no encontro entre Leyma Coruña e Covirán Granada, que se disputará en #OFornodeRiazor ás 18:00 horas.

A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias da Coruña, é unha organización sen ánimo de lucro que está dirixida a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Alzheimer, así como a das súas familias, mediante unha atención integral personalizada e de calidade.

A entidade ten tres centros de día na Coruña, onde mediante terapias non farmacolóxicas ofertan un servizo de tratamento, atención e coidado tanto para as persoas con enfermidade de Alzheimer, como aos seus familiares.

AFACO imparte diferentes programas para cada unha das fases do Alzheimer, desde unha fase con deterioración cognitiva leve, ata unha fase severa.

Os socios de AFACO teñen dereito a gozar dunha serie de servizos especificamente dirixidos a eles, así como a participar en actividades formativas e de lecer. Ofrecen, entre outros servizos de asesoría legal, asesoramento na xestión de axudas públicas e intervención psicolóxica.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.