ABAC será homenaxeada no derbi deste domingo

O Club Básquet Coruña homenaxeará a ABAC na causa social ?17 partidos, 17 causas? en colaboración coa Obra Social da Caixa. A homenaxe terá lugar o vindeiro domingo día 1 de marzo, no encontro entre Leyma Coruña e Marín Ence Peixe Galego, correspondente á 23ª xornada de liga LEB Ouro e que se disputará en #OFornodeRiazor ás 18:00 horas.

A Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC) é unha entidade privada sen ánimo de lucro que leva máis de 23 anos traballando nas áreas de prevención e tratamento dos trastornos da conduta alimentaria (TCA).

ABAC xurdiu da preocupación de moitos pais, afectados e persoas sensibilizadas cos trastornos relacionados coa alimentación que, despois de loitar contra o descoñecemento destes, e atoparse cuns recursos sanitarios públicos insuficientes, únense para tentar conseguir mellores condicións asistenciais para as persoas afectadas polos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).

En ABAC ofrecen un servizo de intervención terapéutica a través dun tratamento multidisciplinar integrado por cinco áreas terapéuticas: atención psicolóxica, atención psiquiátrica, reeducación da conduta alimentaria, educación social e recuperación física funcional.

Ademais, dispoñen dun comedor terapéutico e realizan accións de prevención, asesoramento nutricional con soporte psicolóxico e outras actividades terapéuticas.