A ONG Equus Zebra protagonista de "17 partidos, 17 causas" do partido de onte

A ONG coruñesa Equus Zebra foi onte a protagonista do partido entre o Leyma Coruña e o CB Clavijo, que se saldou con vitoria laranxa, cun total de 80-66.

A acción enmárcase no programa solidario ?17 partidos, 17 causas" do club, que xunto coa Obra Social "la Caixa" pretenden dar visibilidade a diferentes entidades sociais e organizacións que realizan labores solidarios na nosa cidade.

Neste caso, Equus Zebra, nacida no 2000 na Coruña axuda a colectivos desfavorecidos e excluídos, especialmente novos e inmigrantes e contribúe a mellorar a calidade de vida en países como Senegal e Camerún.

O Club Básquet Coruña, na súa intención de seguir colaborando con esta organización realizará unha campaña de recollida de roupa nas oficinas do club durante toda a semana e unha acción concreta durante o partido deste venres no Palacio dos Deportes de Riazor. En ambas as localizacións habilitarase un punto de recollida da mesma.

Quen desexen colaborar con esta acción solidaria poden entregar roupa de vestir, roupa do fogar, marroquinería -bolsos de man, cintos- e calzado. Desde a entidade social solicítase que estas doazóns se entreguen en bolsas de lixo de ata 50 litros de capacidade, pechadas. É importante que a roupa estea limpa e seca posto que se contén pintura, graxa ou humidade non é reciclable. Así mesmo, é preferible que se entregue a roupa usada separada dos zapatos e a marroquinería.

Animámosvos a todos a colaborar nesta nova acción solidaria.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.