A loita contra o cancro, causa social do partido de mañá en Riazor

Aproveitando a conmemoración do Día Mundial contra o Cancro este sábado 4 de xaneiro, o Leyma Coruña dedica o seu partido de mañá venres contra o FC Barcelona Lassa en Riazor á causa social do cancro, unha enfermidade cuxa incidencia aumenta no noso país, segundo os últimos datos feitos públicos pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM).

A este respecto, o equipo baloncestístico quere destacar o traballo que realiza a Asociación Española contra o Cancro na Coruña a través da súa Xunta Provincial, tanto na atención aos pacientes como aos seus familiares, mediante a prestación dos seus servizos totalmente gratuítos, cos que se busca acompañar e cubrir as necesidades de apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria.

Durante o encontro de mañá, un grupo de voluntarios da Asociación repartirán folletos entre os asistentes para dar a coñecer o seu traballo e os modos de colaborar no mesmo. Esta iniciativa forma parte do programa social que desenvolve o Club Básquet Coruña co patrocinio da Obra Social "la Caixa" baixo o nome "17 partidos, 17 causas" en todos os encontros que o equipo LEB Ouro disputa en casa.