A tempada 2015-16 xa ten calendario

O Leyma Básquet Coruña estreará a nova tempada deportiva o 2 de outubro xogando en casa contra o Lleida, de acordo co calendario aprobado para a LEB Ouro 2015/16 pola Federación Española de Baloncesto.

O Palacio de Deportes de Riazor porá igualmente o escenario para o último partido da liga regular na xornada 26, prevista para o 8 de abril e co Palencia como rival.

O novo persoal que o Club está a conformar nestas semanas promete dar bo espectáculo baixos as ordes de Perico Díaz, moi especialmente cando se mida fronte aos galos da competición –Palma, Palencia, Melilla- e nos derbis co Breogán e o COB, se finalmente os ourensáns non logran ascender á ACB.

Así, algunhas datas destacables para quen formamos parte do sentimento laranxa serán, na primeira volta e xogando en casa, o derbi contra o Breogán o 16 de outubro e  contra o COB o 20 de novembro, ademais do partido contra a Palma, o 4 de decembro.

O equipo finalizará a primeira volta fóra de Riazor, enfrontándose en Palencia contra o conxunto local o 30 de decembro.

Na segunda volta será a quenda dos  derbis fóra de casa, concretamente o 22 de xaneiro en Lugo contra o Breogán e o 4 de marzo en Ourense contra o COB. 

Outros dos previsibles pratos fortes que se servirán en Riazor serán, por unha banda, o partido do 5 de febreiro contra o Melilla e, por outro, ao peche da segunda volta, o do 8 de abril contra o Palencia, un broche final que manterá a tensión ata a última xornada de disputa da fase regular. Tampouco estará exento de emoción o choque do 18 de marzo en Palma, contra o equipo insular. 

Podes consultar aquí o Calendario da Leb Ouro para esta tempada 2015/16.