Primer equipo | 06/08/2015 10:55
VLADI ORLOV DEFENDERÁ As CORES DO LEYMA BÁSQUET CORUÑA

O Club Leyma Básquet Coruña segue avanzando no deseño do seu persoal e esta mañá anunciou que o pivote Volodymir Orlov –coñecido como Vladi Orlov- vestirá de laranxa na nova tempada.
Con dobre nacionalidade ucraína e española, Orlov formouse deportivamente en equipos andaluces desde temperá idade. É un interior alto -208 cm- moi hábil para anotar en transición. Gran reboteador e intimidador, ponllo difícil aos seus rivais, desenvolvendo unha defensa agresiva tanto preto do aro como nos bloqueos directos.
Tras xogar nas categorías inferiores do Unicaja SD de Málaga e o Cajasol Sevilla, Orlov estreouse na liga EBA xogando no CB Morón durante a tempada 2013-2014. Co fin de seguir crecendo baloncestísticamente, na última tempada asinou polo CB Canarias, o que lle permitiu adestrar co equipo da ACB e competir no vinculado RC Náutico da liga EBA, ata que fichou polo onubense CD Baloncesto Enrique Benítez, onde finalizou a tempada. Así mesmo, Orlov é internacional polo seu país de nacemento nas categorías Sub-18 e Sub-20, onde tampouco defraudou.
As súas estatísticas no Enrique Benítez, onde xogou 10 partidos -27 minutos por partido-, foron de 13 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia e 2 tapóns por partido.
Deste xeito, o primeiro equipo do Club Leyma Básquet Coruña conta xa con nove xogadores confirmados: Vladi Orlov, Joan Creus, Gediminas Zyle, Sergio Olmos, Zach Monaghan, Ben Stelzer e os xa veteranos no equipo, Anxo Hernández, Beka Burjanadze e Jesús Castro.
Primer equipo | 03/08/2015 10:55