Todas as fotos da nosa canteira, xa dispoñibles na web do club

A numerosa canteira laranxa do Básquet Coruña quedou inmortalizada unha tempada máis e todos os nosos xogadores e xogadoras xa poden descargar na páxina web do club o cromo coa súa foto así como a imaxe colectiva cos seus respectivos equipos.

Ademais da participación de todos os conxuntos de canteira cos seus adestradores, tamén estivo o primeiro equipo e o seu corpo técnico, a directiva laranxa, D. Jesús Lence, o noso principal patrocinador, ademais do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Cultura e Coñecemento, José Manuel Sande. Todos eles participaron nunha foto de familia no Palacio dos Deportes de Riazor.

Como feito distintivo este ano, nas fotos individuais os nosos deportistas pousaron coas imaxes a tamaño real dos xogadores do primeiro equipo laranxa, todo un referente para a nosa canteira e que acudiron a adestramentos cos nosos diferentes equipos de base ao longo do curso.

Unha tempada máis para nosa canteira, algunha aínda inmersa en competición, que queda para sempre inmortalizada como o principal valor do Básquet Coruña e a súa razón de ser.