Primer equipo | 16/01/2016 01:03
Tito Díaz, sobre o Ourense Provincia Termal:

"Todos temos dereito a un mal día e leste foi o primeiro de toda a tempada", recoñecía Tito Díaz en referencia ao conxunto laranxa, tras finalizar no Palacio dos Deportes de Riazor o primeiro derbi galego da segunda volta da competición, con clara e merecida vitoria do Ourense Provincia Termal (73-90).
O técnico destacou que o conxunto visitante foi moi superior en intensidade e en ritmo desde o primeiro momento. "Entraron no partido sabendo moi ben o que querían, tapando a liña de pase, controlando o rebote, e a verdade é que nos sorprenderon", sinalou, mentres que aos seus viunos "brandos, talvez mirándonos un pouco o embigo por tantas vitorias" das últimas xornadas.
Tito Díaz eloxiou esa intensidade, nivel defensivo e ritmo dos ourensáns, precisamente os acenos de identidade do Leyma Básquet Coruña. "Hoxe gañáronnos coas nosas armas", lamentou.
Aínda que os laranxas melloraron algo na segunda parte, o certo é que sempre foron a remolque no marcador e os ourensáns xogaron coa confianza, o acerto e "o vento de face" que dá estar con vantaxes de 15 puntos no luminoso e cun imparable Pedro Rivero que acabou con 28 puntos de valoración.
A próxima cita do conxunto herculino é o outro duelo galego, esta vez a domicilio contra o Café Candeas Breogán o vindeiro sábado 23 ás 20:15 horas. Queda unha semana por diante para recuperar a esencia do xogo que tan bos resultados deu aos laranxas nos últimos dous meses.
Documentos adjuntos
audio-tito-diaz-post-partido-j18.m4a