Primer equipo | 14/04/2016 16:09
Tito Diaz:
O Leyma Básquet Coruña xoga mañá o seu último partido da fase regular da liga e faino contra un equipo, o Actel Força Lleida, cuxa salvación na categoría pasa ineludiblemente por gañar en Riazor e esperar ao que fagan os seus rivais directos, a Navarra e o Prat. Por tanto, novo partido de máxima pugna porque os laranxas xóganse á súa vez o factor cancha para a primeira eliminatoria do playoff de ascenso á ACB.
Na roda previa ao choque, o adestrador Tito Díaz destacou que "talvez esta foi a liga máis igualada das últimas tempadas" e en consecuencia os seus miran con moito respecto ao equipo ilerdense, cun nivel e estilo de xogo moi similar ao dos coruñeses e con ex xogadores ACB nas súas filas, como o pivote Alfonso Alzamora ou o alero Jaime Heras.
"Mañá pode gañar calquera", asegura o técnico laranxa, insistindo no bo nivel competitivo de todos os equipos desta LEB Ouro, na que unha das sorpresas foi seguramente que o conxunto coruñés haxa chegado á recta final da liga regular na quinta posición, tras un arranque de tempada cunha soa vitoria e sete derrotas.
Neste sentido manifestou que "chegamos ata aquí por méritos propios" e a iso axudaron a boa conexión entre os xogadores do equipo tanto a nivel persoal como deportivo, así como o carácter competitivo que mantiveron sempre, nas horas baixas e nos momentos máis doces.
De cara ao choque de mañá e á fase de playoff, espera que os seus manteñan esa mesma liña e sexan fieis ao seu estilo de xogo, e que a afección acuda a Riazor a dar o mesmo empuxón que axudou a conquistar a vitoria do último partido en casa. Pola súa banda, os xogadores sairán a dalo todo, coa ilusión de poder xogar na súa casa e coa calor dos coruñeses a primeira eliminatoria da loita polo ascenso.
Por último, Tito Díaz asegurou que mañá "trataremos de pór a guinda ao pastel cos mesmos argumentos" de xogo e de intensidade competitiva que han esculpido unha tempada motivo de orgullo e satisfacción para todos, pase o que pase nas citas pendentes.