Tito Díaz avisa sobre o Palma Air Europa: "é un dos tapados na clasificación"

Os laranxas viaxan ao completo esta tarde rumbo a Palma de Mallorca para medirse contra o equipo local no festivo de mañá mércores 12, ás 18:00 horas. O técnico Tito Díaz expón o duelo como unha especie de hora da verdade, "unha boa proba para ver como estamos realmente", aínda que asegura que nos adestramentos o equipo vai mellorando paulatinamente. "Non pretendemos ser o equipo do ano pasado", explica, en relación á chegada de novos xogadores, "pero si pretendemos xogar de forma parecida", matiza.

Sobre o rival de mañá, o adestrador do Leyma Coruña advirte de que a Palma Air Europa é "un dos tapados na clasificación" posto que foi derrotado nas dúas únicas xornadas de Liga celebradas ata agora, algo irrelevante a estas alturas dunha longa competición na que os mallorquinos "van estar pelexando seguro arriba".

Para iso contan cun excelente plantel -na que destacou as recentes fichaxes de Joan Carles Bivià e Roger Fornas-, un xogo de ritmo alegre e vistoso en toda a pista apoiándose nas súas bases, grandes tiradores e aleiros xogando na posición de 4, e un xogo interior igualmente potente, apoiado no pivote portugués Claudio Fonseca e reforzado agora con Víctor Serrano, "un dos mellores 5 da pasada tempada".

Ante este cadro de equipo, os coruñeses necesitarán facer "o mellor partido dos realizados ata agora", cunha forte defensa que impida ao rival correr e xogar cómodo; controlando o rebote, especialmente o defensivo, para ter ocasións de despregar o xogo con marca laranxa, e coidando o ataque estático cando non sexa posible o movemento rápido na pista, armándose de paciencia e acerto.