Primer equipo | 05/02/2016 16:42
Tito Díaz advirte da fortaleza da Palma Air Europa cando xoga fóra de casa
Despois da paréntese con motivo de Copa Princesa de Asturias 2016, a LEB Ouro volve ás pistas. Este domingo ás 12:00 horas o Leyma Básquet Coruña xoga en Riazor ante un dos equipos fortes da competición, a Palma Air Europa, que ocupa o quinto posto na táboa.
O conxunto insular chegará á cidade herculina ávido de gañar, tras sufrir tres derrotas consecutivas e cambiar recentemente de adestrador, un posto que recaeu no ata agora director deportivo, Xavi Xastre.
Tito Díaz é consciente da dificultade do encontro, tanto pola calidade dos xogadores visitantes como pola necesidade que teñen de cambiar o seu actual refacho. "É dos equipos máis fortes fose de casa", advirte o técnico laranxa, como o demostra que, das suas once vitorias, sete foron a domicilio e esta tempada só perderon tres partidos fora de Son Moix.
Ante estes datos, e co factor engadido de posibles novidades no xogo motivadas pola nova batuta desde o banco, os laranxas tentarán exercer unha sólida defensa, polo menos ao mesmo nivel que exhibiron en Lugo na última xornada e que lles permitiu regresar a casa cunha valiosa vitoria fronte ao Café Candeas Breogán.
Tito Díaz recoñece que xogadores da Palma como a base Mikel Uriz e o pivot Richi Guillén, claves na anotación e na repartición de xogo, non porán fácil ao Leyma Básquet Coruña "gañar dous partidos seguidos a dous grandes", co contratempo engadido da baixa de Anxo Hernández por lesión. Pero o conxunto herculino está preparado para dar a batalla e seguir loitando polos play off. Partido a partido.
Documentos adjuntos
audio-tito-diaz-previa-j20.mp3