Superado o ecuador do noso Campus de Tecnificación

Xa pasamos o ecuador do noso campus de tecnificación, polo que a pasada semana desfilaron Liño López, adestrador do Star Center-Uni Ferrol en Liga Feminina 1; Javier Orosa, adestrador de base e formador de formadores; Manu Santos, que dirixe o Xuven Cambados Cidade Europea do Viño 2017; Luís Suanzes, ex adestrador do Denia Básquet Club, e Mayte Touza, axudante no equipo de 1º División Nacional Feminina de Maristas.

Ao traballo duro desas xornadas súmase a celebrada onte luns, na que todos os participantes do Campus que acolle o Polideportivo Elviña 1 empregáronse a fondo para mellorar os fundamentos do bote, baixo a guía de Alberto Gómez, adestrador durante a tempada 16/17 do equipo EBA Vigo Basket.

Hoxe martes será a quenda de Óscar Lata, axudante inseparable de Sito Alonso, quen acaba de asinar co FC Barcelona da liga ACB. O coruñés formará parte do staff técnico deseñado por Alonso para dirixir os destinos do Barça na nova tempada, tras saír ambos os do Baskonia. Óscar Lata foi coordinador de base no noso club na tempada 2012-13 e hoxe centrará a súa sesión no xogo sen balón e a ocupación de espazos.

Desde mañá mércores ata o venres, último día do Campus de Tecnificación, sucederanse Antonio Pérez, Rubén Domínguez e Diego Fernández, tres técnicos que na última tempada desenvolveron o seu traballo á fronte de equipos de LEB Ouro, Liga Feminina 1 e Liga EBA respectivamente.