Sergio García: ?Quero que vaiamos todos co pensamento de que temos que ir gañar, queremos gañar e imos tentalo?

Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa de Sergio García, previa ao encontro de mañá martes, correspondente ao segundo partido dos cuartos de final de Play-off, entre Leyma Coruña e Liberbank Oviedo, en Pumarín.

O técnico do Leyma Coruña comezou dicindo que enfrontan o encontro dunha forma ?moi parecida ao primeiro partido. Eu creo que, como se puido ver o outro día, son partidos de moito desgaste físico, os dous equipos estamos a un nivel moi similar. Evidentemente, espero que eles leven a iniciativa por xogar no seu campo, que sexan un pouquiño máis agresivos se cabe, e temos que estar preparados para iso. Creo que tamén é unha proba de madurez do equipo, o ser capaces de ir a unha pista complicada como é a de Oviedo, a conseguir unha vitoria?.

Sobre a dificultade da pista, Sergio comentou que ?primeiro, é que é unha pista diferente á inmensa maioría, polas dimensións, no sentido de que é un pavillón pequeno e as bancadas están moi preto. Logo, que eles teñen un punto forte, a súa afección aperta, xera un ambiente moi positivo para eles e dificulta o rendemento do rival. Ese é un punto a favor que teñen eles, pero ten que ser tamén un aliciente, pola miña experiencia alí é un sitio no que tamén gusta xogar, entón eu creo que hai que tomalo como algo positivo?.

En canto ao estado físico do persoal, o adestrador do Leyma Coruña indicou que ?o outro día, xa ao principio houbo moito desgaste físico, algún golpe? Entón hai algunhas molestias, pero confío en que poidan estar para xogar o partido. O que si temos é a baixa confirmada de Zyle, que todo o equipo mándalle o seu apoio, que hoxe lle están operando, e ten a todo o equipo con el, e seguro que nos vai a apoiar desde a distancia?.

En relación ás claves para poder pechar xa a eliminatoria, Sergio referiuse a que ?sobre todo, é un tema mental. O outro día fixemos un esforzo nese sentido, porque non é o noso punto forte, e alí é evidente que este tema de parciais que poida haber a favor ou en contra, pois hai que ser capaces de estar mentalmente duros, controlalos, porque polo ambiente que se xera alí parciais de 4-6 puntos parece que son insalvables e hai que ser capaces de manter a cabeza fría e estar todo o intre no partido e aproveitar o noso momento. Sabemos que se defendemos ben, reboteamos ben e en ataque estamos correctos, xa imos ter opcións. Entón temos que esperar o noso momento, e a ver se temos certa fortuna para resolver?.

Sobre a vantaxe actual tras a vitoria do pasado venres e a posibilidade dun terceiro partido, o técnico do conxunto herculino dixo que ?iso está aí, pero a nosa mentalidade ten que ser que non hai outro partido que non sexa o do martes. Nós temos que ir a Oviedo coa mentalidade de que queremos gañar alí, e para nós non existe o terceiro hipotético partido. Entón quero que vaiamos todos co pensamento de que temos que ir gañar, queremos gañar e imos tentalo?.