Sergio Garcia, novo adestrador do Leyma Básquet Coruña.

Sergio García Martín é o novo adestrador do Leyma Coruña de Leb OURO. O novo adestrador que as dúas últimas tempadas foi o axudante de Porfi Fisac e Valdeolmillos en ACB do Guipuzcoa Basket, firma por dúas tempadas como primeiro técnico do Basquet Coruña. Convértese así no primeiro adestrador do club xa transformado en SAD, unha nova etapa ilusionante do noso club nado en 1996 e que converte o proxecto nun reto aínda maior. 

Sergio García de 36 anos, inicia a súa etapa de adestrador en 2004 e incorpórase en 2008 ao Club Deportivo Maristas Palencia onde exerceu como adestrador axudante de Natxo Lezkano durante sete tempadas ata 2015. Coa saída de Natxo Lezkano, asumiu as rendas do Palencia durante as seguintes dúas tempadas, 2015-16 e 2016-17, nas que xa como primeiro adestrador conseguiu na súa primeira tempada proclamarse campión de Copa e da liga regular que supuña o ascenso a ACB (que administrativamente non se materializou), e na seguinte tempada eliminou ao Leyma nos playoff e perdeu a final dese ano contra o Burgos que con esa vitoria ascendeu a ACB.

Desde o Leyma Básquet Coruña dámoslle a benvida ao noso proxecto ao novo técnico e desexámoslle moita sorte nesta nova etapa e na consecución de éxitos deportivos. Coa incorporación do novo adestrador o Leyma inicia a preparación do próximo curso, cargado de novos retos e ilusións renovadas.