Sergio García: ?Creo que vai ser un partido durísimo, un reto para nós?

Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa do técnico do Leyma Coruña, Sergio García, correspondente á Xornada 7 de liga Leb Ouro, e que enfronta ao equipo coruñés e a Liberbank Oviedo ás 18:00 horas en #OFornodeRiazor.

Sergio fixo referencia á recuperación do equipo despois do partido xogado en Marín o mércores, indicando que ?os xogadores tiveron dúas partes diferenciadas. Unha, un traballo con Gus e Bruno, de recuperación física, debido aos partidos e adestramentos acumulados. E a nivel táctico, puidemos ver a grandes liñas as ideas de Oviedo para que os xogadores estean, máis ou menos preparados. Ao final, todos os equipos temos o mesmo tempo de preparación, é pouco, pero eu creo que os xogadores teñen o esbozo claro do que vai ser o partido fronte a Oviedo?.

En canto aos 49 puntos encaixados en fronte a Peixe, a segunda puntuación máis baixa na Leb Ouro para o Leyma Coruña, o técnico vasco comentou ?eu creo que fixemos un traballo de desgaste importante, fixemos unha aposta do que nós queriamos defender do xogo de Marín, e saíunos ben. Foi un traballo colectivo, pero enfocándonos especialmente en tres xogadores de Marín. Máis que o número de puntos, que si, é rechamante, eu estaba satisfeito porque o traballo tanto de esforzo como táctico-defensivo foi moi bo?.

Perris Blackwell está nun gran momento, proba diso son os seus números conseguidos fronte a Peixe. Sergio asegura que ?a información que tiñamos sobre el apuntaba a que se puidese adaptar rápido. Falárannos moi ben a nivel profesional e das súas capacidades, e a verdade é que o está demostrando. Máis aló dos números que poida facer, o seu traballo no día a día, o seu traballo dentro do grupo a nivel persoal está a ser moi bo, e estamos moi satisfeitos?.

En referencia ao rival, Oviedo, Sergio dixo que non cre que se trate dunha partido trampa. ?Non, trampa non. Ao final, hai que relativizar. Eles teñen un partido menos, que foi aprazado fronte a Lleida e foron capaces de gañar a Palma, xogaron en pista do Breogán? Son poucos partidos e o tema de calendario e rivais influíu niso. É un equipo que competiu todos os partidos dunha forma moi boa e é un persoal de potencial de playoff e así é como llo fixemos ver aos xogadores. Eu creo que Oviedo vai estar na parte media-alta da liga ao final. Ten moi bos xogadores, e, sobre todo, unha constancia nestes últimos anos nesas posicións. É un club adoitado a estar aí e seguro que a final de ano van estar aí. Entón, creo que vai ser un partido durísimo, un reto para nós, que, se aspiramos a competir a final de ano a equipos como Oviedo por esas prazas de playoff, temos unha boa oportunidade para sacar o partido adiante?.