Primer equipo | 10/01/2015 13:21
O Leyma vence a Valladolid e obtén a sétima da tempada

Chegaba ao Palacio dos Deportes un equipo dos da parte alta da clasifiación, o que facía presaxiar un partido moi duro para os nosos. O partido comezou moi frío con demasiadas imprecisións e perdas de balón por parte dos dous equipos, os dous equipos intercambiaban erros e canastras que mantiñan o marcador apertado. Cunha vantaxe mínima de 1 punto para os visitantes chegábase ao termo do primeiro cuarto (16-17).
No segundo período, o partido reactivouse un pouco, e comezou a gañar intensidade por parte de ambos os equipos. O Leyma incrementaba o nivel defensivo, o que dificultaba a anotación do Mywigo Valladolid e así, íanse xestando as primeiras vantaxes no marcador que sería de 7 puntos ao chegar ao descanso (35-28).
O paso polos vestiarios, sentou ben aos de Perico Diaz, que cun parcial de saída de 7-0 ao comezo do terceiro cuarto, alcanzaban unha distancia no marcador que daba confianza aos nosos para encarar o resto do partido. Valladolid reaccionou pero o dominio exhibido onte no rebote por parte do Leyma permitía manter as vantaxes no marcador, chegando ao último cuarto cunha vantaxe de 11 puntos (56-45).
No último cuarto tentárono os visitantes, pero os nosos souberon manter a concentración defensiva, que xunto co acerto no tiro en momentos puntuais, permitiu manter unha cómoda vantaxe que daba certa tranquilidade para a disputa dos minutos finais, gañando incluso o average particular entre ambos os equipos.
A próxima xornada o equipo visitará a un dos máximos aspirantes da competición, o Ford Burgos, un partido no que o Leyma tentará dar o mellor de si mesmo para lograr dar a sorpresa.
LEYMA BÁSQUET CORUÑA (16+19+21+16) 72: Rowley (15), Burjanadze(13), Vujasinovic (-), Abia (5) e Castro (10) –quinteto inicial- A.Hernández (11), Khalid (7), Petrovic (9), Dobos (2), Homs(-), Rei (-) e Escobar (-).
MYWIGO VALLADOLID (17+11+17+16) 62: Montañez (1), I.Marínez (3), Uriz (6), Koyanouba (-) e Lucas (8) –quinteto inicial- Pape (0), Piñeiro (12), Stobart (17), De la Fuente (10) e Rakocevic (4).