Primer equipo | 16/03/2019 00:26
O Leyma toma aire cunha importante vitoria en Melilla (67-70)

O Leyma Coruña gañou na cancha do Club Melilla Baloncesto (67-70), nun encontro que foi in crescendo e no que os coruñeses souberon remontar.
O Leyma foi o primeiro que anotou no partido, pero pronto comezou a ter problemas cos locais. No ecuador do primeiro cuarto os de Alcoba chegaron a unha vantaxe de 9 puntos no marcador, con moito desacerto por parte dos laranxas no tiro de tres.
O segundo cuarto comezou cun empuxón dos herculinos que, cando pasaban dos dous minutos de xogo, acurtaron as distancias (22-21). Con todo, os de Aranzana fallaron algúns triplos e os melillenses aproveitaron estes erros para levar a dianteira. Ao descanso fóronse cun marcador de 36-29.
O equipo laranxa, tras pasar por vestiarios, repuxo forzas e comezou a presionar aos de Alcoba, ao mesmo tempo que realizaban unha mellor defensa. Cara ao final do terceiro cuarto o Leyma adiantouse no luminoso, pero os locais conseguiron finalizar con dous puntos ao seu favor (48-46).
Con todo, no último cuarto todo cambiou. O Leyma levou o ritmo, mellorou a porcentaxe de tiro de tres e reduciu as perdas. Ambos os equipos disputaron ata os últimos minutos a vitoria, pero cando quedaban pouco menos de tres minutos os de Aranzana tomaron o mando do partido para non soltalo ata o final.
O gran esforzo do equipo herculino para reverter a situación fixo que conseguisen unha vitoria nun partido moi igualado (67-70). O próximo partido do Leyma Coruña será en #OFornodeRiazor, o día 19 de marzo, ás 19.00 horas ante o Covirán Granada.