O Leyma Coruña suma a súa vitoria 18 a domicilio e fortalece as súas opcións aos playoffs

O Leyma logrou hoxe unha valiosa vitoria por partida dobre, ao gañar por 76-81 ao C.B. Prat na pista do Joan Busquets tras un igualado partido que se decidiu no último cuarto. Os laranxas levan a Coruña un triunfo que non só fortalece a súa marxe para acceder aos playoff de ascenso á ACB -18 vitorias sumadas ata agora- senón que, máis importante aínda, devólvelles as boas sensacións de face á recta final da tempada e reafírmalles no potencial do seu xogo colectivo.

Entre as claves do triunfo está o gañar a batalla do rebote e o bo traballo defensivo en equipo exercido sobre as liñas de pase do rival, o que minou a enerxía e o acerto dos tiradores do C.B. Prat, especialmente nos últimos minutos do choque. Dous factores positivos que compensaron o principal punto débil dos coruñeses, as perdas de balón, que o conxunto local soubo converter en contraataques e canastras en momentos decisivos para seguir enganchados ao partido. Pero o fundamental é que o Leyma Coruña volveu xogar unido e ese traballo esforzado de equipo recibiu un merecido premio.

Mañá domingo, regreso a casa pensando na próxima cita ligueira e sen moita tregua para o descanso, porque este mércores ás 21:00 horas o Leyma Coruña saltará á pista de Riazor para medirse a un TAU Castelló que chegará cargado de confianza tras vencer na súa pista ao Melilla e estar a piques de logralo a domicilio na xornada anterior fronte ao Retabet.es GBC.

Cero relaxación, por tanto, para os de Tito Díaz, e todo o apoio da afección desde a bancada no antepenúltimo partido da fase regular. Vémonos en Riazor! #sentimientolaranxa