O Leyma Coruña dá a cara ante o Real Betis EPlus (96-88)

O Leyma Coruña deu a cara ante o Real Betis EPlus (96-88), en ou7n partido no que sorprendeu ao seu rival na primeira parte e sufriu na segunda, debido a varios parciais en contra, aínda que estando sempre no partido.

Era un inicio de encontro moi igualado, cos dous equipos cometendo moi poucos erros e acertados no tiro, aínda que era o cadro laranxa o que comandaba o ritmo ofensivo do xogo. Os coruñeses atopaban boas situacións de tiro, con tiros abertos e en contraataque que lles permitían anotar con certa facilidade, chegándose a irse oito arriba no primeiro cuarto (17-25), aínda que maquillaban os locais ao final do mesmo (25-31).

Entre o final deste acto inicial e o comezo do segundo o Real Betis achegábase no marcador, propiciado en certa medida por erros dos herculinos, encadeando varios parciais en contra. Salvado ese primeiro contratempo, froito do momento de crecemento no que se atopa o equipo e a mocidade de moitos xogadores, chegábase ao descanso tres arriba (50-53).

A saída do terceiro cuarto era complicada, o equipo víase sen Zach Monaghan neses minutoo, minguado polos problemas na fascia que xa arrastraba no encontro ante Carramimbre Valladolid, e de novo os coruñeses encadean parciais en contra. Aínda así a actitude do equipo seguía sendo moi positiva, así como o esforzo e o traballo en equipo (78-66).

No último cuarto o Leyma Coruña pelexaba ata o final, sobre todo no últimos cinco minutos, nos que os de Gustavo Aranzana daban un paso adiante, cun triplo de Sergi Piñeiro que pon ao equipo a seis puntos dos verdibrancos, dando a sensación de que o equipo estaba no partido e dando a cara ata o final. No entanto, as diferenzas no luminoso e a experiencia de xogadores como Dani Rodríguez impedían a remontada (96-88). Castigo quizá excesivo para o equipo (96-88), que competiu de ti a ti a un aspirante o ascenso e ex ACB e que foi capaz de sobreporse aos contratempos que foron xurdindo ao longo do partido.

A lectura positiva ademais é que o Leyma Coruña segue crecendo e o domingo regresa á calor da súa afección no Palacio dos Deportes de Riazor para medirse a Iberojet Palma a partir das 18.00 horas.