O Leyma Coruña comeza o ano cun valioso triunfo ante o CB Clavijo (80-66)

O Leyma Coruña impúxose ao CB Clavijo no Palacio dos Deportes de Riazor (80-66) e comezou 2018 de forma triunfal. Os coruñeses, que contaban con este partido coa baixa de Eduardo Hernández-Sonseca, souberon sobreporse a esta ausencia e foron capaces de dominar o rebote defensivo, unha das claves que dera Gustavo Aranzana na previa.

Comezou o encontro con alternativas para ambos, con bos minutos de Trevor Cooney, que asinaba dous triplos case seguidos, e de Dimitry Flis, que facía un 3+1. No entanto, un parcial de 2-12 facía que os visitantes se fosen por diante ao final do primeiro cuarto (20-22). O segundo período seguía sendo moi parello para ambas as escuadras, con diferenzas mínimas no luminoso. Entraban en xogo outros actores como Sergio Olmos, Jesse Chuku ou Zach Monaghan, que servía varias asistencias. O partido íase ao descanso cun marcador moi aberto (33-31).

A igualdade continuaba sendo a tónica, nun duelo algo frío por momentos, e de poucos puntos. Os coruñeses encaraban o cuarto definitivo por diante, aínda que o duelo seguía estando sen un dominador claro (54-50). No acto definitivo chegaban os mellores minutos do Leyma Coruña, que liderados por Monaghan en ataque, moi acertados de face ao aro no tiro exterior e cun bo traballo defensivo atrás, eran capaces de dar o golpe definitivo ao seu rival (80-66).

O Leyma Coruña termina a primeira volta cun balance de 8-9 e comezará a segunda volta o venres 12 ás 21.00 ante o Sammic Hostalaría.

O encontro finalizaba cunha foto de familia do primeiro persoal cos participantes do Campus de Nadal, convidados xunto ás súas familias ao encontro.