O Junior masculino logra o ascenso a Liga Galega

O junior masculino dirixido por Alberto Vázquez e Fran Lijo venceu 77-72 a Campus Ourense Edo Branco Amor e logrou o ascenso a Liga Galega.

O encontro comezaba cunha gran igualdade por parte de ambas as escuadras, sobre todo no primeiro período, con pequenas vantaxes sempre para os laranxas, que se ían ao descanso por diante (40-34).

Tras o paso por vestiarios, os coruñeses asinaban o seu mellor cuarto, grazas a unha defensa zonal que se lle atragoaba aos ourensáns, e un ataque máis fluído que facía aumentar a renda ata os 14 puntos, co que os laranxas enfilaban o acto definitivo.

A catro minutos para o final, unha desconexión do equipo, sumada ao acerto exterior dos ourensáns, provocaba a remontada. Campus púñase dous arriba a falta de 35 segundos. Unha canastra tras un saque de banda empataba o partido, ao que seguía unha recuperación de balón culminada nun 2+1 que devolvía a dianteira ao noso junior, certificada con por dous tiros libres máis anotados (77-72).

Un resultado que permitía aos nosos xogadores coroarse campións da Segunda División e conseguir así o ascenso a Primeira para a próxima tempada. Un gran premio tras un ano de duro traballo, no que tras a decepción de non conseguir a clasificación na fase previa, seguiuse perseverando ata chegar á fase final, na que se cumpriu o obxectivo e logrouse a única praza en 1ª división masculina que faltaba por ter no club.

Desexamos que sexa a antesala duns anos nos que se recollan os froitos do traballo realizado. Parabén de parte do club aos xogadores Anxo, Álex, Carlos, Iñaki, Mauro, Rubén, Pablo, Ruy e Samu, así como ao corpo técnico composto por Alberto Vázquez e Fran Lijo. Sen esquecernos da gran aportacion dos cadetes Jorge, Busto e Valín.