O BC Leyma 00 vence a Santo Domingo e xogará a Final A4 de Copa

O pasado sábado, o noso equipo cadete feminino Básquet Coruña Leyma 00 logrou o pase á fase final de Copa Primavera, tras imporse por 75-48 ao Santo Domingo de Betanzos, remontando os once puntos de desvantaxe cos que chegaba a esta cita. 

Básquet Coruña Leyma '00: Sara, Laura C. Laura V. Ariadna, Miriam - 5 inicial - Inés F. Inés H., Lucía e Marta.

Santo Domingo: López, Yáñez, Sas, Díaz, González - 5 inicial - Otero, Cagiao, Latas, Río e Carreira. 

Parciais: 22-19, 42-23 (descanso), 59-34, 75-48 (final). 

Árbitros: Merelas e Díaz. Eliminaron por acumulación de faltas a López, Cagiao, Díaz e González (Santo Domingo). 

Asistencia: Medio centenar de espectadores. 

Incidencias: Para este partido, Diego Fernández contaba coas baixas de Natalia, Alba e Paula, entrando na convocatoria ata tres xogadoras do conxunto infantil, Lucía, Inés e Marta. Por outra banda, Laura Criado apenas podía participar uns minutos, por problemas físicos. 

Entraban mellor no encontro as visitantes, controlando o rebote e con acerto no lanzamento a media e longa distancia, chegando a alcanzar unha máxima renda de cinco puntos. Dous triplos consecutivos das betanceiras situáballes mediado o primeiro cuarto por diante no marcador (8-12 min 5). 

A partir de aquí, chegaba a reacción das nosas, que conseguían achegarse no electrónico grazas á súa melloría defensiva no perímetro, e ao seu acerto dende o tiro libre, ante as numerosas faltas que se vían nestes minutos, e ao longo de todo o partido. 

Destacaba a boa aportación das xogadoras que saían desde o banco, para acabar o cuarto cunha vantaxe de tres puntos, tras canastra de Laura Vázquez, máxima anotadora do equipo nestes minutos (22-19 min 10). 

No segundo cuarto, as coruñesas rompían o partido. Continuaban as rotacións no conxunto laranxa, pero en ningún caso baixaba a intensidade no xogo, destacando o traballo de todo o colectivo neste encontro. 

Básquet Coruña, dende unha sólida defensa, encaixando só dúas canastras neste período, comezaba a abrir unha considerable brecha no marcador, con sete puntos consecutivos de Inés Ferreiro e Lucía. Os numerosos roubos de balón na presión exposta, máis o acerto en finalizacións e o dominio do rebote ofensivo, permitían ás nosas imporse con claridade neste parcial. 

Unha canastra de Ariadna, máxima anotadora neste cuarto, a escasos segundos do final, deixaba a diferenza en dezanove puntos ao descanso (42-23 min 20). 

Tras o paso por vestiarios, e xa sen Laura Criado por problemas físicos, chegaban un par de minutos irregulares para as locais, contrastando un triplo convertido por Sara ante a defensa zonal das visitantes, cun par de perdas de balón que acababan en canastras en contra. 

Con todo, pasado este inicio, o equipo recuperaba a seriedade en defensa e a boa circulación en ataque, aumentando aos poucos a súa vantaxe co paso dos minutos. Aportación coral de todas as xogadoras neste cuarto, ao anotar ata sete xogadoras diferentes, destacando un novo triplo convertido, nesta ocasión por parte de Marta (59-34 min 30). 

No último acto mantíñase o guión visto no parcial anterior. Nosas cadetes chegaban ao trinta de diferenza tras canastra de Inés Fernández, sen perder o acerto desde o perímetro, ao sumar outros dous triplos de Laura. 

As betanceiras reducían diferenzas no tramo final, con sete puntos case consecutivos de Sas, pechando o marcador Miriam cunha última canastra, para acabar con vitoria e clasificación para o conxunto laranxa (75-48 min 40). 

Fase final en Riazor 2 

Este domingo, disputarase a fase final de Copa en Riazor 2, na que exercerá de anfitrión Básquet Coruña. O cadro de partidos será o seguinte: 

10:00 horas Artai CB - Básquet Coruña Leyma '00 (1ª semifinal)

12:00 horas Calasancias - Star Center Ferrol (2ª semifinal)
18:00 horas Gañador 1ª - Gañador 2ª (final)