Primer equipo | 17/05/2017 00:45
Novo duelo ao límite e derrota que apea aos laranxas dos playoff
O Leyma Coruña volveu deixarse a pel no seu quinto partido contra o Queixos Cerrato Palencia pero non logrou manter o soño dos playoff por máis tempo durante a presente tempada, ao ceder na pista de Villamuriel cun resultado final de 83-77, os números máis baixos en toda a serie de cuartos para ambos os equipos.
Os de Tito Díaz volveron dar mostras do espírito competitivo que os fai tan grandes, loitando ata o último momento por unha remontada da que quedaron moi preto, tras haberse ido ao descanso dez puntos abaixo e ir recortando distancias na segunda parte.
O adestrador laranxa felicitou ao Queixos Cerrato Palencia polo seu pase a semifinais -será o rival do Unión Financeira Baloncesto Oviedo- e tamén ao seu equipo "por como se levantou hoxe e despois de cada derrota" nunha eliminatoria espectacular, moi disputada e na que a escuadra coruñesa podería ser tan xusta vencedora como a castelá.
"Traballamos moi ben en defensa na segunda parte, dominamos o rebote, habemos ido recortando e puxémonos a tres puntos nos últimos minutos, cando nos faltou un pouco de acerto, que eles si tiveron e iso decidiu un partido igualado", sinalou Tito Díaz, despois de destacar especialmente as altas porcentaxes de triplos finalizados por parte do rival -48 por cento-, moitos deles tiros ben defendidos que aínda así vían aro, e tamén a correcta arbitraxe desta noite.
O Leyma Coruña regresa a casa coa cabeza moi alta, porque unha vez máis demostrou o seu talento e ambición, o seu espírito de equipo e a súa capacidade para facer soñar a unha cidade con alcanzar metas máis altas na competición nacional. A próxima tempada queremos seguir volvéndonos tolos. #sentimentolaranxa
Documentos adjuntos
tito-diaz-post-quinto-partido.m4a
Primer equipo | 15/05/2017 00:45