Mañá venres 21 último día de inscrición para as primeiras dúas semanas do Campus Milenium

Esta semana, coincidindo co peche do prazo de inscrición do Campus Milenium, en Básquet Coruña achegámosvos ás distintas e variadas actividades que se realizarán, aínda que será o baloncesto o eixo central do campamento.

Un ano máis repetiremos co Quidditch, o deporte máis popular na comunidade máxica de Harry Potter. É unha mestura entre fútbol e baloncesto aéreo que se xoga voando sobre escobas.

O quidditch creouse en 2005 nunha universidade estadounidense. Dous equipos de sete xogadores montados en escobas xogan nun campo do tamaño dunha pista de hockey e con tres aros de diferentes alturas a cada lado do campo. O obxectivo final é ter máis puntos que o opoñente cando a snitch, unha bóla de tenis metida nunha media colgada da cintura dun xogador imparcial oficial, é capturada.

A Asociación de Quidditch Muggle Dementores da Coruña será a que ensinará aos nosos participantes as destrezas para xogar este divertido deporte no que cada gol suma dez puntos e no que poderás elixir a posición de cazador, gardián, golpeador ou buscador, empregando distintos tipos de pelotas segundo o teu posto.

Tamén teremos por segundo ano seguido unha sesión de escapismo, grazas a Escape Room en Clue Hunter. É unha actividade que consiste que grupos de xogadores logren escapar dunha habitación seguindo unha serie de pistas en menos de 60 minutos.

Queremos matizar que non todas as idades de participantes poden facer todas as actividades programadas, aínda que poderán gozar doutras adaptadas á súa idade.

Ademais, como novidade este ano teremos un taller de RCP (reanimación cardiopulmonar) no que os nosos participantes aprenderán como axudar a unha persoa que puidese sufrir un desmaio e practicarlle así os primeiros auxilios. Este será coordinado polo servizo de urxencias do CHUAC.

O venres 21 é a última oportunidade para inscribirche ás dúas primeiras semanas do Campus e aproveitar a oportunidade de gozar de todas estas actividades.