Os laranxas non puideron frear o vendaval da escuadra guipuscoana

O Leyma Coruña non puido sumar a súa terceira vitoria consecutiva esta noite, ao caer fronte ao RETAbet.es GBC por un rotundo 86-68. Os de Tito Díaz plantaron cara con solvencia nunha primeira parte igualada e de gran ritmo por ambos os equipos, pero no que os locais sempre ían un paso por diante e daban mostras de estar máis entoados no tiro exterior que o conxunto coruñés.

Con dous cuartos finalizados con 25-20 e 40-36 no luminoso, ambos os equipos tiñan practicamente todas as súas posibilidades intactas para a segunda parte. Pero á volta de vestiarios a escuadra local endureceu o seu xogo cunha defensa máis contundente e unha superioridade no rebote que foi minguando as posibilidades dun Leyma Coruña que loitou por non irse do partido mentres o RETAbet.es GBC acrecentaba a súa confianza e a súa distancia no marcador (63-53 ao final do terceiro cuarto), adiantando na bancada e na pista o festexo polo ansiado regreso á ACB, pase o que pase o vindeiro venres no seu duelo en Marín.

Antes de penetrarse nos playoff de ascenso á ACB, o vindeiro venres 28 o Leyma Coruña despedirá a tempada regular no Pazo dos Deportes de Riazor ás 21:00 horas fronte ao Club Melilla Baloncesto.

Os de Tito Díaz necesitarán o plus de enerxía e confianza que lle dá a súa afección desde a bancada, para facerse cunha vitoria que lles permitiría acabar sextos na clasificación. Unha posición que desde esta noite ocupan precisamente os melillenses, tras a súa vitoria na xornada unificada de hoxe fronte á Maxia Huesca.

Queremos chegar o mellor posible á eliminatoria polo ascenso e, para iso, o Leyma Coruña non se rende, nin nós con eles. Todos a un tempo este venres na pista e na bancada, imos laranxas!