A xornada de formación de Joaquín Moreira celébrase este domingo 26 de marzo

A sesión de formación que baixo o título "Contraataque en categorías de formación" impartirá o técnico Joaquín Moreira, celebrarase este domingo 26 de marzo, tras unha actualización do calendario inicial. 

Esta será a terceira xornada do ciclo dirixido a adestradores baixo o título "E ti como adestras?", que o noso Club organizada por segundo ano consecutivo, e no marco das actividades xunto á Fundación Emalcsa, e terá lugar na Polideportiva de Riazor 1 ás 19:00 horas.

Na presente edición de "E ti como adestras?" todas as sesións viran ao redor dos primeiros anos de formación, con especial protagonismo ao deporte da canastra nas idades máis temperás. Para asistir, tan só é necesario comunicalo previamente ao club, enviando un correo á dirección club@basquetcoruna.com

As xornadas están abertas a todos os adestradores e adestradoras de baloncesto da Coruña e de Galicia en xeral. Así mesmo, poden asistir afeccionados que desexen profundar nos temas abordados, do mesmo xeito que técnicos doutras modalidades deportivas. A Federación Galega de Baloncesto outorga 3 horas de formación por xornada aos participantes en proceso de obtención dalgún dos títulos de adestrador desta disciplina deportiva.

Con este ciclo o Club Básquet Coruña pretende favorecer a formación dos seus adestradores/as e abrirse á colaboración con outras entidades deportivas, ofrecendo un foro estable no que compartir coñecementos e experiencias da man de profesionais de prestixio, co fin último de contribuír ao progreso do deporte galego mediante a cualificación dos seus técnicos. Tamén se busca aproveitar sinerxías coa Federación Galega de Baloncesto e entre os propios clubs.

Próximas sesións

As seguintes charlas programadas son, no mesmo lugar e horario:
23 de abril: "O uso eficaz do bote no minibasket" a cargo de José Ángel Rivera Mozan.
21 de maio: "Pintura Barroca Holandesa: metodoloxía de adestramento para categorías de formación", a cargo de Javier Orosa.
18 de xuño: tema e experto pendentes de confirmación.