Jesús Castro continuará no Leyma a próxima tempada

A tempada pasada chegou ao equipo e pronto se converteu no líder do vestiario. Este ano continuará en Leyma Básquet Coruña ás ordes de Perico Diaz.

Durante a tempada 2013/14, anotou 13,1 puntos e 3,5 rebotes por partido, ademais foi o xogador máis utilizado polo adestrador cunha media de máis de 29 minutos por partido.

Jesús achegará moita madurez e experiencia ao equipo xa que leva desde a tempada 2008/09 participando na Adecco Ouro de forma ininterrompida. O seu xogo caracterízase pola súa capacidade de xerar situacións dun contra un tanto en estático como en transicións; ademais é un xogador “listo” en defensa o que lle permite recuperar moitos balóns.

Traxectoria deportiva:

Comezou a xogar ao baloncesto no San Rosendo de Ferrol, xa na súa etapa junior deu o salto ao Peleteiro de Santiago. Tras o seu paso por terras compostelás, decidiu completar a súa formación como xogador no filial do Granada, equipo que por aquel momento disputaba a liga ACB. Tras tres tempadas en Granada, comezou a súa carreira profesional en Alxeciras en liga LEB, alí estaría unicamente unha tempada, xa que o ano seguinte decidiu irse a Burgos á liga LEB 2. Ese ano proclamaríase campión de liga e lograría o ascenso a liga LEB. Tras o ascenso Jesús Castro non renovou e volveu xogar dúas tempadas máis en LEB 2: unha en Palencia e outra en Almería. Xa na tempada 2008/09, retornou á  LEB Ouro da man de Los Barrios; tras o paso polo equipo andaluz, gozou de 3 novas tempadas en Burgos, todas elas en LEB Ouro. Tras tres tempadas en Burgos asinou polo decano da competición, o Melilla Baloncesto onde permanecería unicamente unha tempada. Desde a tempada pasada defende o Leyma Básquet Coruña onde esperamos contar moitos anos máis co seu baloncesto.