Primer equipo | 19/01/2018 10:48
Gustavo Aranzana espera un duelo de máxima esixencia para o Leyma Coruña ante Araberri este sábado
O Leyma Coruña visita a cancha do Araberri adestrado polo extécnico laranxa Antonio Pérez Caínzos este sábado ás 18.00 horas na procura da terceira vitoria seguida, ante un rival co que está empatado a vitorias e derrotas (9-9). Os vitorianos reciben aos herculinos tras perder na última xogada ante Tau Castelló (89-88).
"Espéranos un partido moi parello e que pode definir un pouco o camiño. Gañar suporía unha vantaxe importante, xa que tamén vencemos aquí en Coruña. Será un encontro de carácter, de máxima esixencia e esforzo e sabemos o que nos xogamos", indicou o preparador valisoletano Gustavo Aranzana.
Sobre o cadro vitoriano, incidiu nas súas boas prestacións. "Está a xogar moi ben os seus últimos compromisos. Gañou con moito prestixio a Melilla, gañou a domicilio a Sammic con contundencia e vén de facer un gran partido en Castelló?, apuntou. Do rival destacou que é un equipo con ?unhas prestacións ofensivas altísimas. Ten un excelente ritmo, difícil de defender por como xoga, polo seu alto ritmo, dos mellores equipos en composición de sistemas e que xoga moi ben a campo aberto. Creo que quen domine o ritmo do partido terá a clave", declarou o preparador.
Aranzana non poderá contar para este choque con Larry Abia, debido a unha escordadura no xeonllo, que é reincidente, que o terá apartado un par de semanas e que podería ter unha "longa recuperación".
O adestrador laranxa volveu a insistir na igualdade da competición. "A liga non ten nada que ver coa do ano pasado, é unha competición totalmente nova e con gran igualdade. Todos os equipos están moi vivos, non hai ningún que se descolgou. Temos que ter a tensión e a mentalidade suficiente para saber que cada día é diferente e afrontar o partido seguinte coa máximas precaución, responsabilidade e enerxía", pediu.
Chega agora unha semana esixente con tres duelos (dous fóra, ante Araberri o sábado e o martes 23 ante Oviedo, e o domingo 28 derbi contra o COB no Palacio dos Deportes de Riazor). "Nun espazo de oito días imos xogar tres partidos e iso supón unha esixencia que supón estar moi preparado e motivado. Descansar e adestrar ben e mentalmente chegar frescos a cada encontro", resolveu.