Primer equipo | 01/12/2020 19:15
Gediminas Zyle entra a última hora na convocatoria do Leyma Coruña para enfrontarse ao Leite Río Breogán

A Coruña, a 1 de decembro de 2020.
O Club Básquet Coruña SAD anuncia a incorporación do xogador Lituano Gediminas Zyle para a tempada 20/21. O xogador terá ficha no equipo filial e poderá entrar nas convocatorias do equipo LEB OURO cando así o considere o corpo técnico, ao estar incluído na lista de reforzos da Federación Española de Baloncesto desde o inicio de tempada.
Zyle lesionouse no tendón rotuliano do seu xeonllo esquerdo o 1 de maio de 2019 no transcurso dun adestramento cando formaba parte do persoal do Club Melilla Baloncesto. Despois dun longo período de recuperación de 21 meses realizado na súa maioría cos preparadores do Leyma Coruña e grazas a un encomiable esforzo por parte do propio xogador, por fin obtivo a alta médica que lle permitirá regresar ás competicións.
O xogador de 2.10 metros de altura, xa formou parte do persoal do Leyma nas tempadas 15/16 e 16/17, polo que é un gran coñecido para a afección do Leyma.
Desde o club desexámoslle a Zyle moita sorte nesta nova etapa e que aos poucos poida ir entrando nas convocatorias e que recupere o seu anterior nivel de xogo.