O XUVEN DE CAMBADOS RIVAL NA PREVIA DA XXX COPA GALICIA

O equipo Leb Ouro do Club Leyma Básquet Coruña xa ten data para o seu primeiro duelo na XXX Copa Galicia, o evento máis relevante da pretemporada do baloncesto galego e cuxa sede oficial este ano é a cidade de Ourense. Será contra o Xuven de Cambados o 15 de setembro no pavillón cambadés de Ou Pombal, de acordo co sorteo da fase previa e o calendario definido para a competición, tras a reunión da Federación Galega de Baloncesto e os clubs participantes.

O certame deportivo reunirá a seis equipos: Obradoiro, COB, Breogán, Cambados e Marín, ademais do Leyma Básquet Coruña. O sistema de competición expón unha eliminatoria previa, da que están exentos o Obradoiro, pola súa condición ACB, e o COB por ser anfitrión. 

Como resultado do sorteo para a rolda previa -onde compiten equipos Leb Ouro contra Leb Prata-  o Básquet Coruña medirase fronte ao equipo cambadés, mentres que o Breogán farao contra o Marín. 

Os dous equipos que pasen esta primeira fase, xogada a partido único na cancha do equipo de Leb Prata, irán ás semifinais do venres 18 en Ourense. Se o Leyma Básquet Coruña supera a eliminatoria terá fronte a si ao COB, mentres que o vencedor do encontro Breogán-Marín loitará contra o Obradoiro. A final celebrarase ao día seguinte, sábado 19.

Outras citas do club herculino en setembro

Ademais da Copa Galicia, o conxunto de Perico Díaz celebrará outros encontros ao longo do mes de setembro, comezando pola amigable  fronte ao Breogán mañá venres ao oito da tarde no pavillón polideportivo de Ribadeo. 

O seguinte fin de semana -días 11 ao 13- o Palacio dos Deportes de Lugo acollerá o II Torneo Lugo é Básquet, onde participan os equipos Leb Ouro do Leyma Básquet Coruña, Cafés Candeas Breogán e Queixos Cerrato Palencia. O conxunto herculino xogará o venres 11 ás 21:00 horas contra o equipo lucense e o sábado ás 18:30 horas contra o Palencia. O torneo finalizará coa entrega de trofeos o domingo ás 20:45 horas.

As outras dúas datas destacables para o Leyma Básquet Coruña en setembro son o amigable que terá lugar o mércores 23 fronte ao Oviedo en Cerceda e, como broche final, o derbi contra o COB no XXIX Trofeo Teresa Herrera de Baloncesto, o emblemático evento que se celebrará a portas abertas o venres 25 no Palacio dos Deportes de Riazor.