O Leyma Coruña tentouno ata o final pero non puido cun gran Palencia

Tentouno ata o último momento pero esta tarde o Leyma Coruña non puido repetir a segunda vitoria consecutiva en menos de corenta e oito horas na pista de Riazor ante os Queixos Cerrato Palencia, que venceu por un apertado 101-106. Os visitantes lograron así empatar serie a 2-2 e forzar o quinto partido, que terá lugar este martes en Palencia ás 21:00 horas.

Tal e como sinalou Tito Díaz ao finalizar o encontro, os laranxas víronse sorprendidos por un espectacular primeiro cuarto do conxunto castelán, que saíu á pista non só coa concentración e intensidade que era de esperar, senón que ademais acompañoulles o acerto, cun 90 por cento en triplos e un 70 por cento en tiros de dous no primeiro cuarto, o que condicionou en parte o resto do encontro, no que se chegou ao descanso con 39-54 no marcador.

A escuadra coruñesa non se rendeu en ningún momento e, aínda que no arranque faltoulle o acerto do choque do venres, foi mellorando aos poucos en defensa e con iso en anotación, especialmente no último e decisivo cuarto. Algo que non foi suficiente para frear un gran Palencia, a pesar de que os locais lograron achegarse a cinco e seis puntos do seu rival despois de estar ata 22 puntos abaixo.

O técnico do Leyma Coruña subliñou que en ningún momento os seus deixaron de pelexar: "seguimos traballando e esperando a nosa oportunidade, chegou un pouco tarde e ao final escapóullenos". Por ese espírito competitivo ata o límite, manifestou sentirse "o adestrador máis orgulloso do mundo", porque "xogabamos contra un gran Palencia cun nivel de acerto incrible e non nos sacaron do campo".

Tito Díaz non esqueceu agradecer á afección coruñesa o apoio recibido nos dous choques vividos este fin de semana en casa, e especialmente o pulo recibido hoxe desde a bancada no tramo final. Por último, en alusión á discutida arbitraxe dos dous últimos encontros, quixo finalizar cun desexo de face ao último e definitivo choque da serie: "Está a ser un playoff moi igualado, espectacular, entre dous equipos xogando ao límite, que merece ter os dous mellores árbitros no quinto partido".