Primer equipo | 05/10/2018 23:54
O Leyma Coruña comeza a súa andaina en Leb Ouro cunha gran vitoria ante Carramimbre Valladolid (95-90).

O Leyma Coruña iniciou a tempada 2018-19 ante o Carramimbre Valladolid sumando un triunfo de oficio (95-90).
Os de Gustavo Aranzana, que contaron coa baixa de Larry Abia, e chegaban con Zach Monaghan e Quinton Stephens minguados por senllos problemas musculares, incluíron no rooster ao junior Jorge García.
O primeiro cuarto estivo cheo de imprecisións por parte dos laranxas, con problemas en defensa, sobre todo no rebote e precipitación no pase. Gantt, por parte dos valisoletanos, comandaba o ataque neste acto inicial, (16-27).
O segundo cuarto caracterizábase por unha mellora en ataque, cunha anotación moi coral de xogadores como Quinton, que a pesar dos seus problemas de costas sumaba varias canastras. Era importante tamén a temperanza de Sergi Piñeiro para dirixir ao equipo e os puntos dun Braxton Ogbueze que demostrou boa man desde media distancia.
Un parcial de 14-0 que culminaba Ty Sabin con dous triplos consecutivos (42-39) puña por diante ao Leyma por primeira vez en todo o encontro.
Un descoido defensivo antes do descanso impedía ao conxunto laranxa irse mandando ao descanso (44-45). Un receso no que se lle rendeu unha homenaxe a Anxo Hernández, o eterno capitán laranxa.
Fíxoselle entrega por parte do presidente do club, Roberto Cibeira e o vicepresidente, Juan Carlos Fernández, dun cadro coa nova camiseta personalizada, unha bata de médico por parte do capitán este ano Larry Abia (colga as botas para estudar o MIR), moitos dos equipos de canteira fixéronlle un corredor e mesmo lle cantou a tuna. Unha emotiva homenaxe ao eterno capitán laranxa.
O terceiro período foi unha tira e afrouxa entre ambos os conxuntos, sen un dominados claro e con bos minutos de novas caras como o suízo Axel Louissant, que metía os dous tiros libres que deixaban todo por decidir no último acto (66-66).
O Leyma Coruña daba un paso adiante no último cuarto e cando parecía que os visitantes collían aire un triplo do coruñés Carlos Martínez facía levantarse ao Palacio (77-77). Nuns últimos minutos frenéticos Zach encadeaba varios puntos, un providencial triplo nos últimos segundos (92-89) e unha asistencia de fantasía a Araujo que só tiña que baixar o balón.
O Leyma Coruña lograba ao cabo unha valiosa vitoria e cara a vibrar aos 2.100 espectadores que se deron cita no Palacio dos Deportes de Riazor. A próxima cita en casa, o domingo día 14 ás 18.00 horas ante Iberojet Palma.