O Leyma Coruña cae ante Marín Peixe Galego na Copa Galicia (63-69)

O Leyma Coruña perdeu de forma axustada ante Marín Peixe Galego (69-63), despois dun mal terceiro cuarto, no primeiro amigable da pretemporada, correspondente a un duelo de Copa Galicia, disputado na Raña.

Primeiro partido, con cousas típicas de pretemporada, aos equipos custándolles entrar en ritmo, con precipitación, tiros forzados e erros defensivos de ambos en normas, que permitían canastras fáciles. 

No primeiros cinco minutos custáballes aos laranxas entrar no encontro (16-8), pero a partir de aí o equipo reaccionaba , entendendo que o nivel físico estaba a ser moi alto, e a base de defensa e contrataque íase un arriba (16-17).

O segundo proseguía coa mesma dinámica, correctos en defensa, seguindo as normas marcadas ,pero con certo problema no rebote de ataque e Marín anotando tras perdas dos coruñeses. Algo que mellorar, e que o equipo sabía que podía pasar, polo tipo de encontro que esperaban.

Chegábase ao descanso tres abaixo (35-32). Non era o resultado esperado, pero o Leyma sumaba 14 perdas ao descanso e estáballe custando no rebote defensivo.

No terceiro período era onde rompía un pouco o partido, os coruñeses fallaban moitos tiros libres (11 en todo o encontro, o que ao final foi clave) e os marinenses grazas a contraataques e situacións preto do aro íanse escapando no luminoso (57-40).

Chegábase ao último cuarto no que parecía que o encontro estaba roto e decidido, pero a nota positiva era que o Leyma reaccionaba e volvíase a enganchar ao choque, tendo opción de chegar a un final igualado. Pero ao cabo  tiros libres fallados e situacións de falta ou non falta sepáranos de ter opcións e levaban o duelo os locais na Raña (69-63).