O Club Básquet Coruña anuncia a renovación da súa xunta directiva

A Xunta Directiva márcase como retos, entre outros, consolidar ao primeiro equipo e seguir crecendo coa canteira
O Club Básquet Coruña viviu ao longo destes dous últimos meses un proceso de renovación dos seus cargos directivos. Despois dun tempo de interinidade por mor da dimisión do anterior Presidente, convocouse aos socios para elixir os compoñentes do seu órgano executivo, presentándose unicamente a candidatura encabezada por Juan Carlos Fernández Ferreiro.
O Club celebrou onte a súa Asemblea Xeral na que se ratificou todo este proceso e que serviu para presentar aos novos directivos e as funcións e áreas de traballo de cada un. A composición é a seguinte:
Presidente: Juan Carlos Fernández Ferreiro
Vicepresidente: Manuel Á. Rei Dopico
Secretario: Gonzalo Moura do Campo
Tesoureiro: Javier López Fernández
Vogais: Mª Pilar Ageitos Miragaya, Antonio López-Pizarro Vilar, Carlos López Cachaza e Miguel Á. González Valeiro.
A nova Xunta Directiva márcase como principais retos consolidar ao primeiro equipo na liga LEB, segunda categoría do baloncesto español; manter e crecer cualitativamente nas categorías basee, que estarán formadas este ano por preto de 600 mozos coruñeses, situándose como unha das principais canteiras do baloncesto nacional; impulsar o baloncesto feminino, que segue crecendo nos últimos anos; desenvolver plans de formación para os adestradores do Club e da provincia; potenciar as tradicionais actividades e campus que se desenvolven ao longo do ano.
Os membros da Xunta Directiva afrontan esta nova etapa con gran ilusión, traballo e compromiso por seguir facendo do baloncesto un referente para a cidade, e que destaca polos seus valores de traballo en equipo, compañeirismo e xogo limpo.
Por último, a Directiva anima a todos os seguidores deste deporte a que participen nas actividades organizadas polo Club, así como a asistir aos partidos que o equipo LEB xogará os venres no Palacio de Deportes de Riazor.